Grazas ó primeiro Plan de Emprego, que contou cunha subvención de 120.000, Redondela ofreceu cursos de formación a máis de 400 persoas, mantivéronse contactos con 90 empresas e asináronse convenios para realizar prácticas.
Desde outubro de 2011, cando se puxo en marcha o primeiro Plan Integral de Emprego, desde a Concellaría de Emprego están a desenvolverse numerosas accións tanto de orientación como de formación, co obxectivo de axudar ás persoas desempregadas a atopar un posto de traballo. Dentro das accións desenvolvidas, na área da orientación laboral, organizáronse charlas e seminarios informativos nos que se explicou o procedemento para obter un Certificado de Profesionalidade, así como cursos para ensinarlles a buscar emprego a través de internet. No que respecta ás accións formativas, realizáronse un total de 25, ás que asistiron 466 persoas, con cursos de informática, talleres de procura de emprego, cursos de caixeiro-repoñedor, cursos de coidador de persoas dependentes, de manipulador de alimentos, etc. Por outra banda, a bolsa municipal de emprego permite coñecer o perfil das persoas desempregadas de Redondela, e desta maneira ofrecer ás empresas contactadas os currículums daqueles aspirantes que se adaptan ás características que demandan. Até a data mantiveron contactos cunhas 100 empresas de diferentes sectores, e tramitáronse varias ofertas de traballo que chegaron directamente á Concellaría de Emprego. Foron un total de 203 accións de inserción e xestionáronse máis de 1.400 currículums.