A asociación de Chapela organiza unha xornada festiva para o 15 de setembro con diferentes grupos de folclore tradicional, exhibicións deportivas de balonmán e baloncesto e a proba de atletismo “Andar e correr”, aberta a todas as idades. Tamén haberá xogos populares no parque infantil da Alameda.
Logo do éxito da primeira edición a asociación cultural Froles Mareliñas celebra a súa segunda Festa Popular na alameda da parroquia. Como na anterior edición misturarán música e baile tradicional galegos con competicións deportivas. O presidente da asociación, Modesto González, Tito, presentou onte a programación xunto con representantes das entidades deportivas Balonmán Chapela, Club Baloncesto Redondela e Club Atletismo Redondela. Esta celebración busca “manter as tradicións da cultura galega” e facer unha xornada de convivencia co resto de asociacións da parroquia, fomentando tamén o deporte entre os máis novos. As actividades comezarán ás 11.30 cunha carreira “non competitiva” e aberta a participantes de todas as idades. Francisco Otero, o presidente de CAR, anima a toda a poboación a facer o percorrido, de 5 quilómetros, que discorre polo litoral de Chapela. Desde os clubs de baloncesto e balonmán torneos infantís coa participación de equipos da bisbarra, segundo explicaron desde estas entidades Carlos Núñez e Antonio “Bicho”. En canto ás actuacións ó longo de toda a xornada haberá música e baile coas agrupacións Círculo Cultural e Recreativo de Chapela, grupo Tarambainas de Lavadores, Escola de Froles Mareliñas, Anaquiños de Chapela, Tangaraño de Mos, Lembranzas da Ría de Cangas e a Charanga Traspés. Na xornada non faltará o bo xantar con produtos típicos como as sardiñas e o polbo a prezos populares. O acto de presentación, no restaurante El Canario, contou tamén co alcalde, Javier Bas, e membros do goberno local, como o concelleiro de Cultural, Alberto Pazos, que felicitou ós organizadores pola realización dunha festa na que participan distintas entidades e na que “se pon en valor a parroquia de Chapela”.