Non só o rock, tamén estilos tan diferentes como o punkie, o soul, o jazz ou o hip hop teñen cabida nesta “jam sesión” que se celebra o venres a partires das 20.00 horas. A filosofía do Lixorock é sempre a de ofrecer a músicos de todas as idades a oportunidade de subir ó escenario e interpretar os seus temas diante do público.
Músicos de Redondela, algúns moi novos e outros xa veteranos, daranse cita neste Lixorock 2012. Compoñentes de diferentes grupos locais mistúranse para dar paso a novas formacións para interpretar temas novos ou recuperar outros xa clásicos. Máis de 15 bandas pasarán polo escenario instalado na Feira do Gando, entre eles Millo, Acustic Punkies, Hotel Alvedosa, Greve, Censura ou Candana Flautik Plastik. Toti Casal, organizador do concerto, lembra que todos aqueles músicos que o desexen poden achegarse ó Lixorock e participar cos seus temas, como farán grupos, non só de Redondela, senón doutros puntos da bisbarra como Vigo ou Nigrán.