As asociacións afirman que o goberno local está a “decapitar” as propostas culturais da cidadanía e a desfacer “os logros conseguidos nos últimos 20 anos”. Ao redor dun cento de persoas se concentraron onte diante do Concello, convocados pola Plataforma en Defensa da Cultura de Redondela, onde deron lectura a un manifesto.
Lembran que colectivos e asociacións de Redondela organizan ó longo de todo o ano actividades como teatro, concertos, cursos, conferencias, proxeccións de cine, obradoiros ou festivais, nos que os veciños “traballan sen cobrar” para promocionar a cultura “como vínculo de comunicación”. Denuncian que estas actividades sufriron recortes no último ano por parte do Concello, mentres as arcas municipais achegan preto de 25.000 euros para o Lolapop, festival que organiza “unha empresa privada” no Peirao de Cesantes, e na que os asistentes deberán pagar entrada a un prezo de 12 ou 16 euros. Unha subvención “incomprensible, inxustificada e intolerable”, segundo a Plataforma, para un evento de pago, de xestores “foráneos”, mentres “deixan morrer” os actos promocionados por veciños e asociacións redondeláns sen ánimo de lucro. Débora González, do Arrastro Rock, sinala que “non están en contra do Lolapop”, senón en contra “da política da Concellería de Cultura”, polo que demandan “explicacións” ao concelleiro, Alberto Pazos, e ao alcalde Javier Bas. Membros da Plataforma en Defensa da Cultura de Redondela Agrupación Carballo das Cen Pólas, Alen Nós, Arde Rande, Arrastro Rock, Asociación Cultural Santa María do Viso, Asociación para do Desenvolvemento Sociocomunitario Xoeira, Asociación Veciñal e Deportivo Cultural A Miñoteira, AA.VV. de Cesantes, AA.VV. de Ventosela, Asociación Xuvenil Asubios de Portocedeira, Asociación Maimiña, Asociación Cultural Xente Titiriteira, Centro Cultural da Chan das Pipas de Saxamonde, Centro Cultural S.Vicente de Trasmaño, Cineclube Internacionalista, Colectivo Lúa Meiga, Colectivo Republicano de Redondela, Coral Piñeiral do Crego, Froles Mareliñas, Millo Verde, Obradoiro de Estudos Locais Fernando Monroy, Redondela en Curto, Senghasoil eVento Rock.