O programa, elaborado pola Escola de Música de Chapela, pretende fomentar e achegar a música de calidade e reglada a todas as parroquias de Redondela, polo que trasladará as súas aulas a todas aquelas parroquias que o soliciten. Ademais teñen aberta a matrícula para máis de 20 actividades de ocio, deportivas e idiomas.
Begoña Rial, directora da Escola de Música de Chapela, explica que as clases serán impartidas por profesorado da propia escola, nas instalacións das asociacións culturais. O prezo das actividades será “moi asequible” a un custe similar a calquera actividade realizada nas propias asociacións das parroquias. Este proxecto vai dirixido a nenos a partir de 8 anos, sen límite de idade, e tamén conta cun profesorado especializado en impartir clases musicais para adultos. Con “Música nas parroquias” pretenden que “nin a idade, nin o prezo, nin a distancia, sexan un impedimento para que calquera que o desexe poida estudar música”. E con esta filosofía fan a súa proposta ao resto de parroquias redondelás. Contan con case 20 anos de experiencia, e ofrecen desde “Xardín Musical” para nenos desde os 3 anos, ata as clases de “Linguaxe Musical” para nenos e adultos, e as clases de instrumentos, con máis de vinte especialidades (frauta, oboe, clarinete, piano, guitarra, percusión, acordeón, gaita, etc.). Desde a Asociación Cultural e Social de Chapela ofrece tamén outras moitas actividades de lecer e formativas. Neste curso 2012-2013 impartiranse clases de Baile Moderno, Latino e de Salón, Baile Galego, Pintura, e outras relacionadas coa saúde, como Pilates, Ioga ou Aeróbic. Tamén cursos formativos de Inglés e Linguaxe de signos, Informática, etc. Moitas actividades que se imparten tanto no Multiusos do Piñeiral do Crego como nos baixos do Pavillón Municipal de Chapela, e nas que participan unha media de 400 persoas cada semana.