A Consellería de Cultura e Educación reunirá na Illa do Pensamento a expertos españois e brasileiros para analizar a Lei de Transparencia e o acceso da cidadanía á información pública. As actividades comezan mañá xoves e rematarán o sábado.
Esta é a segunda edición do Proxecto SICEB (Sociedade da Información e do Coñecemento en España e Brasil), con residencia na illa redondelá, e desenvolvido a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e a Fundación Illa de San Simón. O seu obxectivo fundamental é o estudo e análise das políticas de xestión e acceso á información e ao coñecemento en Iberoamérica, en particular en España e Brasil, establecendo un debate respecto dos principais indicadores e experiencias para a cidadanía. O encontro parte da base de que Brasil erixiuse nos últimos anos como paradigma da eficiencia na aplicación de políticas de inclusión dixital dirixidas aos grupos sociais máis desfavorecidos. Isto permitiu que máis de trinta millóns de brasileiros pasaran dun estado de pobreza severa a acadar un grao de benestar social e educativo similar a parte da sociedade europea. Estas xornadas centraranse na Lei de Transparencia en España, que vén a confirmar o acceso á información pública “como un dereito fundamental da cidadanía”. O encontro retransmitirase en streaming a través da canle San Simón TV, á que se pode acceder desde a web da Fundación Illa de San Simón (www.illadesansimon.org).