O pleno da corporación redondelá aprobou cos votos do PSOE, BNG e AER, a moción presentada polo grupo nacionalista na que se acorda instar á Xunta de Galicia a interpor un recurso de inconstitucionalidade contra o Real Decreto 24/2012, do 31 de agosto, prexudicial para os afectados polas participacións preferentes.
Na moción o Concello de Redondela tamén acorda instar a que a Xunta se persone na demanda interposta pola Fiscalía Superior de Galicia, apoiando as súas pretensións a favor dos afectados. Dentro do mesmo acordo, aprobouse instar o Goberno central a que exclúa ás persoas aforradoras, subscritoras de participacións preferentes ou débeda subordinada, das quitas ou trocos obrigatorios previstos no Real Decreto. Igualmente, instar o goberno da Xunta e do Estado a adoptar medidas para garantir a devolución íntegra do investido polos aforradores en preferentes e débeda subordinada. A moción foi defendida pola voceira nacionalista Cecilia Pérez Orge, quen denunciou que o Real Decreto “legaliza a estafa das preferentes”, unha medida adoptada polo goberno central que cualificou de “escándalo”. A moción contou co apoio do resto dos grupos da oposición, PSOE e AER. O voceiro socialista, Luis Orge, indicou ademais que o problema precisa unha resposta “urxente”, porque de non facelo antes das eleccións autonómicas do 21 de outubro, a situación terá “unha difícil solución”. Desde AER o edil Jorge Varela apoiou a proposta do BNG ao entender que os afectados foron “vítimas dunha estafa” por parte dos bancos. O grupo municipal do PP, que recomendou ós afectados “acudir á vía da arbitraxe”, no apoiou a moción do Bloque, ao non compartir que o Real Decreto sexa “inconstitucional”, se ben si apoiaron outra moción presentada pola propia Plataforma de Afectados polas Preferentes de Redondela. A moción do colectivo de afectados, semellante á do BNG, retirara do texto o seu primeiro punto, que era a petición do recurso de inconstitucionalidade. Con este cambio conseguiron o apoio do PP e a moción foi aprobada por unanimidade, e pide ao Goberno do Estado e ao FROB “que non se aplique ningunha medida das establecidas no RDL 24/2012 aos pequenos aforradores”.