Unha colisión entre dous turismos, na estrada nacional, saldouse con catro persoas feridas de carácter leve. O suceso, que se produciu na zona da Formiga, tivo lugar sobre as 21.00 horas, con escasa luz solar e cando caída algo de chuvia. O Grumir de Redondela tamén tivo que actuar no incendio dun camión en Cesantes.
A xornada de onte deixa varios sucesos no municipio. En canto ó tráfico rexistrouse un accidente na estrada nacional que une Redondela con Teis, na parroquia de Cedeira. Segundo informan desde o GRUMIR de Redondela catro persoas resultaron feridas leves. Nun primeiro momento valorouse que un dos feridos tería que se excarcerado, pero finalmente os servizos do 061 conseguiron liberalo do vehículo. A estrada permaneceu cortada mentres durou o dispositivo de emerxencias.
Incendio dun camión en Cesantes
Por outra banda o Grumir de Redondela tivo que intervir ao mediodía de onte no incendio dun camión en Cesantes. Tratábase dun vehículo de gran tonelaxe que comezou a arder no eixo traseiro debido a unha avaría nos rodamentos. O incidente produciuse ás 12.10, cando circulaba pola N-550, á altura da curva da Pantalla, e comezou a botar fume polo tren traseiro. O camioneiro foi quen de estacionar na beiravía e avisar ó servizo de emerxencias. Un retén do Grumir redondelán actuou para sufocar o incendio e arrefriar o eixo.