O Ministerio Público e o avogado do Estado cren que a empresa tivo unha ganancia patrimonial inxustificada e que non foi declarada a Facenda. Está acusado de non pagar 228.000 euros, polo que se pide tamén o pago dunha multa de 450.000 euros.
O apoderado do grupo de empresas JCA, que inclúe a formigoneira de Vilar de Infesta, Jorge Cuevas Álvarez, sentou onte no banco dos acusados nun xuízo celebrado no xulgado Penal 2 de Vigo, acusado dun delito de fraude fiscal polo que o Ministerio Público solicita tres anos de cárcere e unha multa de 450.000 euros. Para o fiscal e o avogado do Estado houbo un caso claro de ganancia patrimonial inxustificada que non foi declarada a Facenda. Nun principio estaba previsto que se celebrase unha vista por desobediencia á autoridade, pero finalmente non foi así, xa que houbo un erro na citación e o xuízo fora suspendido. A nave, situada no barrio de Millarada, carece de licenza de apertura e posta en funcionamento. Os veciños da zona móstranse molestos coa fábrica, debido aos ruídos que xera. A formigoneira é unha das subministradoras das obras da AVE e a actividade das súas instalacións non cesa nin sequera durante a noite, circunstancia que levantou numerosas protestas veciñais. Esta situación xa foi denunciada ante o Xulgado do Contencioso e o fallo recorrido tanto polos responsables da formigoneira como polo Concello, que interpuxo unha denuncia ante a Fiscalía logo de que os responsables da formigoneira romperon os precintos policiais que impedía o paso ata en 14 ocasións.