A popular Soraya Sáenz de Santamaría fará campaña en Redondela o sábado. O BNG celebra esta tarde un mitin en Trasmañó, o sábado estarán en Negros e o domingo en Ventosela e Reboreda. Alternativa Galega de Esquerdas celebra o venres o acto central no Multiusos da Xunqueira, e na fin de semana percorrerán Vilar, Saxamonde, Trasmañó e Reboreda.
Os próximos comicios autonómicos do 21 de outubro deixan estes días en Redondela varios encontros das formacións políticas co electorado. Unha das bazas dos populares será a “número dous” do goberno de Mariano Rajoy, Soraya Sáenz de Santamaría, que estará o sábado, día 13, no Convento de Vilavella. Será ás 19.30 nun acto para o que o acceso será con invitación, e no que intervirá tamén o candidato redondelán Alberto Pazos.
O BNG arranca a longa fin de semana cun mitin esta mesma tarde, ás 20.00 horas, en Trasmañó. Nel intervirá a candidata Cecilia Pérez e o concelleiro Xoán Carlos González. O sábado reuniranse cos veciños no Centro Cultural de Negros, ás 19.00 horas. O domingo a cita é dobre, cun encontro no Centro Cultural de Ventosela ás 12.30 e outro na Sociedade Labrego Cultural de Reboreda ás 19.30 horas. O pasado luns foi o cabeza de lista do BNG por Pontevedra o protagonista do mitin no Multiusos da Xunqueira. Carlos Aymerich afirmou que o BNG “acredita nos sectores produtivos e no futuro da Galicia”. Ademais da defensa de sectores produtivos “estratéxicos” , como o agrogandeiro, forestal e o vinculado co mar, Aymerich destacou a necesidade de impulsar “o sector industrial”, principalmente nunha comarca como a de Vigo.
A formación Alternativa Galega de Esquerda, coalición formada por Anova e Esquerda Unida, celebra un mitin central o venres, día 12, ás 20:00 horas no Multiusos da Xunqueira. Intervirán os cabezas de lista Juan Fajardo e Chelo Martínez e os redondeláns Quino Vilas e Paulo Jablonski. Na fin de semana percorrerán varias parroquias. O sábado estarán no Centro Cultural de Vilar ás 18.00 horas, e ás 20.00 no Centro Cultural de Saxamonde e no de Trasmañó. O domingo, ás 12.30 horas, manterán un encontro cos veciños na Sociedade Labrego Cultural de Reboreda.
O PSOE non ten previsto ningún acto de campaña para esta fin de semana, aínda que a organización local do partido prepara un mitin para a próxima semana no que adiantan que haberá algún “peso pesado” do partido socialista.