A concellería de emprego de Redondela porá en marcha varias feiras de produtos locais ecolóxicos para promover esta actividade nas parroquias. A concelleira Ana Alonso, entende que se trata dunha excelente oportunidade para os veciños, que poden ter nesta actividade “unha fonte de emprego e riqueza”. Para Alonso Redondela pode ser “un referente” na produción ecolóxica, tanto de produtos da terra como do mar.
O Multiusos da Xunqueira acolleu recentemente unha xornada sobre agricultura ecolóxica impartida pola Fundación Galega de Produtos Ecolóxicos, onde se puxo en valor este sector como fonte de riqueza e emprego no rural galego. Desde a concellería de Emprego de Redondela entende que é unha “excelente oportunidade de negocio” para moitas familias das parroquias deste municipio. Ana Alonso explica que en moitos casos os veciños xa traballan nas súas hortas con estes produtos, pero non de xeito profesional, polo que os anima a dar “un paso máis” e constituírse como asociación, cooperativa, ou de xeito individual. O Concello ten xa en marcha o seu segundo Plan de Emprego, no que ofertará varios cursos de agricultura ecolóxica. Outra das ferramentas útiles para as persoas que buscan traballo é a Bolsa Municipal de Emprego, onde os parados poden inscribirse e recibir asesoramento e formación laboral. Ademais, o Concello redondelán ten establecidos convenios con varias empresas onde os usuarios da bolsa poden facer prácticas e integrarse no mercado laboral. Os interesados en formar parte da Bolsa Municipal de Emprego poden inscribirse no Centro de Formación da Marisma, ao lado da Piscina Municipal.