A asociación promove na nosa comunidade o programa “Vacacións en Paz”, grazas ó cal centos de nenos dos campamentos saharauis poden pasar os meses de xullo e agosto en Galicia con familias de acollida. O número de familias voluntarias está a descender nos últimos anos, polo que piden “un pequeno esforzo” nestes tempos de crise, xa que a precaria situación dos refuxiados en Tindouf empeorou moito nos últimos meses.
Emilio Portela, vicepresidente da asociación, lembra que en Redondela preto de vinte familias acollían a outros tantos nenos saharauis nos meses de verán. Esa cifra viuse reducida ata 11 neste ano 2012, e temen que para o verán de 2012 “o número siga baixando”. Por iso piden ós veciños da bisbarra que nestes momentos de crise económica se impliquen de xeito solidario con esta causa. As “Vacacións en paz” teñen por obxectivo propiciarlles aos nenos saharauis “unha estancia agradable e humanamente rica”. Portela entende que a achega económica das familias “non é elevada” xa que só supón que durante dous meses “hai un membro máis na casa”. Ademais as familias galegas reciben a cambio “moi máis do que dan” grazas a compartir unha experiencia cos estes nenos que sempre resulta “moi satisfactoria”. Ademais as consecuencias para os nenos son moi positivas, non só porque saen dunha situación climatolóxica extrema (as temperaturas nos campamentos de Tindouf poden chegar ós 50º), senón que ademais melloran a súa alimentación e son sometidos a revisión médicas das que se encarga o Servizo Galego de Saúde. Calquera persoa pode formar parte desta rede de acollida, o único requisito que se esixe ás familias para poder acoller a nenos é que teñan dispoñibilidade para poder atender ó menor durante os meses de xullo e agosto. Os interesados en participar no programa poden poñerse en contacto coa Asociación Solidariedade Galega co Pobo Saharaui, no teléfono 986.26.26.37.