A campaña “As compras na túa vila teñen premio” repartiu en Redondela 2.000 euros en tarxetas de compra. O sorteo celebrouse o venres, nun acto festivo no que ducias de persoas gozaron da música, a maxia e os xogos de animación.
As veciñas de Redondela Nieves Lusquiños, Yolanda Barciela e Paz Vieites, foron as agraciadas coas tres tarxetas regalo de 200 euros cada unha. Os seus boletos foron elixidos entre os máis de 15.000 que participaron no sorteo e que foron recollidos na urna habilitada na Praza da Constitución. A elevada participación dos clientes é mostra da boa acollida que esta iniciativa tivo entre os veciños, que tamén recibiron outras 14 tarxetas regalo con 100 € cada unha delas. A Federación Galega de Comercio e a Asociación de Empresarios de Redondela celebraron o Acto Final da campaña, que tivo lugar en Redondela entre o 5 e o 16 de novembro. O acto final da campaña tivo un atractivo programa de actuacións para nenos dende primeira hora da tarde, que culminou coa actuación do grupo Os Three Glicéridos. A continuación tivo lugar o sorteo de 2.000 euros en premios, que contou coa asistencia do dirixente da Asociación de Empresarios de Redondela, José Antonio Gómez; o presidente da Federación Galega de Comercio, José María Seijas; o seu homólogo na Federación de Comercio de Pontevedra, Antonio Reguera; o Alcalde de Redondela, Javier Bas; e a Subdirectora Xeral de Comercio, Sol Vázquez; entre outros. A iniciativa “As compras na túa vila teñen premio” estivo organizada pola Federación Galega de Comercio, en colaboración coas Federacións Provinciais de Comercio, a Dirección Xeral de Comercio e Novagalicia Banco. Este ano, desenrolarase en oito localidades galegas. Na provincia de Pontevedra, ademáis da desenrolada en Redondela, tivo lugar tamén en Vilagarcía no mes de novembro.