O Convento de Vilavella acolle este venres a presentación da biografía do compositor Reveriano Soutullo. A autora da obra é Mª Rosa Arija Soutullo, presidenta da Fundación Reveriano Soutullo e neta do compositor. Trátase dunha biografía de deseño realizada ao longo de máis de oitos anos de investigación sobre a vida e a obra de Soutullo. No acto, no que se recadarán fondos para restaurar un piano do compositor, actuarán Alejo Amoedo e Enrique Otero. A cita é ás 20.30 horas.
A biografía relata todos os aspectos da biografía de Reveriano Soutullo e os lugares que foron significativos para el, destacando a súa vinculación á tres vilas galegas: Ponteareas, o seu berce, Redondela, a súa infancia e Vigo, a súa mocidade. Ponse o acento no galego, no non coñecido de Soutullo e distintas facetas do compositor que loita por vivir e facerse un camiño. Rematada a presentación da biografía haberá un concerto para piano de obras Soutullo interpretado po Alejo Amoedo, e outro de obras para gaita de Enrique Otero Covelo. A soprano Ángeles Babarro interpretará a melodía galega Beira do mar de Soutullo. Rematado o acto servirase un cóctel. Os fondos recadados no acto están destinados á restauración do piano de Soutullo, que foi doado á Fundación por Mª Esther Docampo, e que se atopa no Conservatorio de Redondela atacado polo caruncho. Tamén se dedicarán os fondos á recuperación da obra de Soutullo, xa que hai máis de cen partituras extraviadas. O prezo da entrada é de 17 euros, e as invitacións están á venda no Café da Vila.