O ex adestrador afirma que a actual Xunta Xestora “si coñecía” o proceso xudicial que estaba en marcha, e que non se puxo en contacto cos demandantes “ata que a sentenza foi firme”. Suárez, xunto con outros catro compañeiros, denunciara o club reclamando o pago de nóminas atrasadas da temporada 2010-11. O xulgado condenou ao Choco a pagarlles máis de 8.000 euros pola débeda pendente.
Son os cartos que o xuíz estimou que lle corresponden a Suárez, Manuel Veiga, David Calo, Estefan e Eric. Eles negan as declaracións da actual directiva, que os acusa de “aproveitarse” da actual situación de debilidade do club. Sergio asegura que a nova Xunta Xestora sabía que o xuízo se ía celebrar “e non se molestaron en acudir”. Defende que só reclamaron “o que lles correspondía” e todos os gastos que lles supuxo o proceso xudicial. Asegura o voceiro dos afectados que a súa actuación “non vai contra a actual directiva nin contra o club”, pero que se viron obrigados a facer a denuncia “pola vía xudicial” porque non tiñan ningunha garantía de cobrar a débeda. Entende que a actual situación económica do C.D. Choco, cunha débeda próxima ós 60.000 euros, é responsabilidade do anterior presidente, Cándido Mirou, “que se foi de rositas”, e non dos xogadores, que foron unhas vítimas máis da súa mala xestión