Un grupo de veciños afectados mantiveron onte unha xuntanza co alcalde de Redondela, Javier Bas, e o concelleiro de Urbanismo, Arturo González, para manifestar a súa preocupación pola instalación dun transformador de media tensión na proximidade das súas vivendas. Piden que o Concello interceda diante da empresa para que se instale noutra zona.
Bas explicou aos veciños que o cambio de localización xa non é posible, xa que a actuación superou todos os trámites legais e a empresa realizou a expropiación do terreo. Ao que si se comprometeron desde o goberno local é a elaborar un informe ambiental da actuación, que realizará unha empresa técnica allea ao Concello e que propoñan os propios afectados. Mentres as obras retomáronse onte logo de permanecer paradas desde o pasado mércores. Os afectados entenden que as medicións de radiacións feitas na zona a pasada semana por parte dun técnico municipal “non teñen valor”, xa que non teñen en conta as emisións do futuro transformador que se vai instalar. Os veciños consideran que unha actuación deste tipo, próxima as vivendas e a un parque infantil, debe contar cun informe previo de impacto ambiental, do que carece o proxecto.