Esta será unha das mocións que se debaterá no pleno que se vai celebrar este xoves, 13 de decembro, no multiusos da Xunqueira, ás 20.00 horas. Na sesión o alcalde dará conta da eliminación da Fundación Illa de San Simón e as medidas que vai adoptar o goberno local. O transformador da Portela tamén centrará parte dos debates, coa petición de comparecencia do edil Arturo González, por parte do PSdG, e a solicitude do BNG de celebrar unha xuntanza cos partidos políticos e todas as partes implicadas.
Os socialistas procurarán nesta sesión o apoio do resto dos grupos da corporación para que se aprobe a exención do pago de impostos e taxas municipais para aquelas familias que teñan todos os seus membros no paro e non perciban prestación de ningún tipo. Ademais da aplicación dunha dedución do 50% no pago dos impostos e taxas municipais a aquelas familias cuxa renda total da unidade familiar dividido entre o número de membros sexa igual ou inferior ao 75% do Salario Mínimo Interprofesional. Un pleno no que tamén se falará do transformador de media tensión que se vai a instalar na parroquia de Cedeira. O PSdG loca pide a comparecencia do concelleiro de Urbanismo, Arturo González, para que informe dos trámites legais establecidos para a instalación de dito transformador, que está previsto se sitúe preto dalgunhas casas e dun parque infantil o que desatou o malestar dos veciños da zona. Pola súa banda, o grupo do BNG presentará unha moción para pedir aos responsables municipais que convoquen unha reunión na que participen os grupos políticos da corporación, responsables de Unión Fenosa e unha representación dos veciños da zona para debater este asunto entre todos e tratar de buscar alternativas que solucionen o problema.