Este é un dos puntos que recolle o convenio asinado pola ministra de Fomento Ana Pastor con Audasa. Unha ampliación que foi aprobada o 18 de novembro de 2011 no último Consello de Ministros do goberno de José Luís Rodríguez Zapatero e que plasmaba a ampliación de capacidade de diversos tramos da autoestrada AP-9, entre eles a ponte de Rande e a circunvalación entre Santiago Sur e Santiago Norte, por un custo de 350 millóns de euros.
O investimento total da ampliación de carrís inclúe obras, expropiacións, reposición de servizos e servidumes. No convenio tamén se recolle a peaxe de volta gratuíta entre Vigo e Pontevedra. Unha medida que dende a Plataforma Antipeaxes consideran “iscriminatoria”, xa que só se aplica aos vehículos lixeiros que circulen entre as cidades de Vigo e Pontevedra con telepeaxe e que non pagarán o traxecto de regreso. As únicas condicións que se impoñen van encamiñadas a favorecer ás persoas que utilizan a AP-9 por motivos laborais, polo que o desconto aplicarase só se a volta se realiza no mesmo día e se se trata dunha xornada hábil. Despois de catro meses de negociacións coa concesionaria da autoestrada galega, o acordo tamén inclúe varios convenios para mellorar os accesos na Coruña, Pontevedra e Vilaboa. Ademais, mantéñense os compromisos asinados hai xa máis dun ano para a ampliación da ponte de Rande e a mellora dos tramos que discorren por Santiago.