A sala continúa coa súa programación teatral, e hoxe xoves é a quenda deste trío de humor que presenta o seu espectáculo “Viva a Crise” a partires das 22.00 horas. O sábado continúa a programación cunha sesión infantil organizada polo Colectivo Tachán a partires das 17.30 horas, e para o público adulto sesión “golfa” con cabaret ás 23.00 horas.
Os xoves de teatro non rematan na Sala Disco Tasca. Este xoves ás 22:00 é o quenda de Fulano, Mengano e Citano con “Viva a Crise”. Paulo Medal, responsable da programación, explica que mentres aplican axustes, este trío teatral propón as menciñas máis efectivas contra este mal: pastillas de enxeño, xarope de humor e inxeccións de retranca. O prezo das entradas anticipadas é de 5€ (3€ socios Jamusinos) e na billeteira 6€ (4€ Jamusinos). A programación continúa o sábado, 29 con obradoiros, títeres e contacontos para tódolos públicos a partires das 17:30 . Obradoiro de malabares para nenos de tódalas idades e unha actuación do grupo Titereficciós coa representación de “Cantos Contos Contas!”, unha función de contacontos teatralizado con monicreques, música en directo e interpretación. Ás 23.00 comeza a sesión “golfa” para adultos, cun cabaret de comicidade que leva o título de “Homenaxe a Madame Brioche Gruyère” con actuacións das diferentes artistas que conforman este colectivo. As risas, orixinalidade e variedade desta proposta están aseguradas. O prezo das entradas na sesión infantil será de 4€ (por cada 2 ou máis nenos, 1 adulto gratis). Na sesión “golfa” será de 4€.