Algo máis cedo do habitual, ás 18.00 horas, sairá a comitiva real o sábado desde Vilavella para percorrer as rúas do centro da vila. Unha vez rematado o percorrido as Súas Maxestades de Oriente achegaranse ao Concello, onde serán recibidos polo alcalde, para logo saudar a todos os nenos e nenas que queiran achegarse a facerlles as súas peticións.
Esta serán algunhas das novidades da Cabalgata deste ano, segundo explicaba o concelleiro de Cultura, Alberto Pazos. O horario adiantouse con respecto a outros anos para facilitar a participación “dos máis pequenos”, e ademais os nenos terán a oportunidade “de achegarse ós Reis” e saudalos “en persoa” na Casa Consistorial. Xa o propio día de Reis, o domingo día 6, Redondela celebra a súa tradicional feira coa animación das Rondallas e Ranchos de Reis polas rúas da vila. Deste xeito rematarán unhas festas que contaron cunha ampla programación cultural, especialmente pensada para os máis pequenos, con concertos e obras de teatro infantís no Multiusos da Xunqueira. Neste auditorio actuará mañá venres o grupo Mamá Cabra, ás 12.00 horas, co seu espectáculo “Xa me tardan estes Magos”. As entradas están xa á venda no Multiusos, a un prezo de 2 euros para nenos e 4 euros para adultos.