Afirman que o Concello aínda non remitiu á Xunta de Galicia o acordo plenario do mes de novembro no que se aprobou por unanimidade solicitar do goberno galego a inclusión nos orzamentos de 2013 dunha partida para cambiar a cuberta do centro.
A moción, presentada polo BNG, recollía expresamente: “Que o concello de Redondela se dirixa á Xunta de Galicia para que nos vindeiros Orzamentos se recolla unha partida para o cambio de cuberta do CEIP Quintela-Redondela”. Dita moción foi apoiada por todos os grupos da Corporación, pero logo de máis de mes e medio aínda non se realizou o trámite, segundo denuncian os nacionalistas. O concelleiro Xoán Carlos González critica “a deixadez de funcións” do goberno municipal que pon de manifesto “o seu desinterese” polo seguimento dos acordos plenarios. Neste asunto acusan tanto ó alcalde Javier Bas como á concelleira de Ensino, Teresa París, de “ignorar” o tema cando actualmente se están a presentar os Orzamentos da Xunta de Galiza para o ano 2013. O Bloque entende que é o momento de esixir á Xunta a dotación de 300.000 euros, necesarios para o cambio completo da cuberta do colexio. A organización nacionalista vai presentar novamente unha emenda, ao igual que para os orzamentos do 2012, e agardan nesta ocasións que as demandas da comunidade escolar do CEIP Quintela sexan tidas en conta.