Misturamos a maxia do teatro, a música das grandes obras de Broadway e un conto para nenos e adultos. O resultado é “A historia de Martín”, un traballo da compañía Animar-t que chega este domingo a Redondela para ensinarnos que o mellor xeito de aprender é a través do xogo. Porque aínda que sexamos diferentes o noso único límite é a imaxinación.
Miguel Strada e Xiada Sanlés protagonizan esta obra, na que Martín e a súa mestra Doña Hortensia representan o futuro e o pasado, dous xeitos diferentes de vivir o mundo da aprendizaxe. A música, moi presente na historia, ofrece a oportunidade de trasladarnos a un mundo máxico. A través de versións propias de temas dos grandes musicais como Annie ou Mamma Mia, os protagonistas conseguen toda a atención do público adulto, e sobre todo do infantil, que se amosa “fascinado” cos temas do repertorio. Unha obra de teatro musical e familiar para este domingo ás 18.00 horas, as entradas custan 3€.