O edil de Medio Ambiente responde así ás críticas do BNG que acusaban ao goberno local de “desinterese e falla de sensibilidade medioambiental” por empregar maquinaria para dragar un treito do río Maceiras. Álvarez asegura que “só lle trasladaron ao órgano competente unha petición dos veciños para evitar inundacións”.
O Concelleiro de Medio Ambiente, Miguel Ángel Álvarez Ballesteros, respondía deste xeito ás críticas feitas esta semana polo BNG local, que denunciaba o uso de maquinaria para dragar un treito duns cen metros do río Maceiras, en Vilavella. Unha actuación que segundo os nacionalistas debería estar avalada por informes técnicos medioabientais, xa que se trata dun entorno que nos últimos anos se está a recuperar. Porén acusaban ao goberno local de “falta de criterio” ao investir 15.000 euros nun programa de sensibilización dos ríos e “agora meten maquinaria para dragalo”.
Álvarez afirma que estas acusacións amosan “un completo descoñecemento”, por parte do BNG, sobre as actuacións que se están a levar a cabo no Maceiras, xa que “nin o Concello é responsable dese dragado, nin haberá que aboar factura algunha por esa actuación”, que responden, segundo engade, a unha petición feita polos veciños da zona que solicitaron o dragado da canle para evitar asolagamentos. “O único que fixemos, subliña, é axilizar esta actuación”. O edil tamén nega que o Concello tivese que aboar 15.000 euros polo programa de sensibilización dos ríos, senón que o investimento da administración local foi de 3.000.