O equipo redondelán suma unha vitoria en Santa Mariña diante do Valladares que lle permite escalar ata a 6ª posición da táboa clasificatoria. Peor sorte tivo o equipo de Fútbol Sala de Autonómica, que perdeu por un gol na casa do líder, o Autos Leiros, en Mos.
Preferente Sur
Choco 1-0 Valladares
O Choco logrou ante os vigueses o seu segundo triunfo consecutivo, logo da vitoria no Grove, co que deixan atrás o mal comezo de ano. Os de Jacobo Montes retomaron o seu mellor fútbol nun encontro no que demostraron ser un dos equipos fortes do grupo. Un único gol de Michel deulles os tres puntos nun encontro no que, como cabía esperar, o Valladares xogou a defender o seu campo e buscar o gol ó contragolpe. Tiveron os vigueses varias ocasións, pero as boas intervencións do porteiro Cortegoso impedíronlle anotar. Logo chegou o dominio total do Choco, Caloi obrigou a Adrián a realizar unha gran intervención cun bo remate e tanto Dieguito como Chus dispuxeron de senllas ocasións para marcar. Pero non houbo acerto e chegouse ó descanso con empate a ceros. Na continuación, o conxunto de Jacobo Montes acentuou o seu dominio, e o premio chegou no minuto 65, Caloi aproveitou un balón perdido dos vigueses en mediocampo para colocar un medido servizo para a carreira de Michel, que regateou ao meta do Valladares e logrou o único tanto do encontro. Os tres puntos levan ó Choco á 6ª praza do grupo, e a próxima semana xogan no campo do Lalín, da parte baixa da táboa.
Fútbol Sala Autonómica
Autos Leiros Mos 3-2 Redondela F.S.
Xa advertira Julio Mougán que os redondeláns viaxaban á casa do líder “sen ningún tipo de complexo” e a piques estiveron de acadar un resultado positivo, xa que perderon a falta de 6 segundos. A calidade dos de Mos púxoos por diante no marcador nos primeiros minutos, cun 2-0. Logo, os cambios tácticos fixeron que os redondeláns comezaran o ter a posesión do balón e achegarse con perigo a meta mosense. Non se movería mais o marcador ata o descanso. A segunda parte foi distinta, o Redondela controlou o balón e fixo méritos para sacar algo positivo, con varias ocasións. Tamén os locais se achegaron á meta de Naka, pero o porteiro desbaratou calquera achegamento. Froito do dominio redondelán Jorge acortaría distancias no minuto 3´da segunda parte e no 16´Portillo nunca xogada trenzada anotaba o empate. No minuto 17´chegaría unha xogada polémica, foille anulado un gol ao Redondela, ao terse pitado un tempo morto. Nos últimos segundos Siso conseguiría darlle os tres puntos aos locais. Con todo o equipo saíu reforzado e a próxima xornada será no Pavillón de Redondela ante outro forte da categoría, o colíder T.ABC Vigo.