Mañá celébrase un pleno extraordinario no Multiusos da Xunqueira, ás 20.00 horas, no que os grupos da corporación apoiarán unha moción conxunta de apoio á Plataforma de Afectados polas Preferentes e Subordinadas de Redondela e comarca. Desde o colectivo agardan que se pase “das palabras aos feitos” e que o alcalde, Javier Bas, se comprometa a defender os intereses dos veciños “onde sexa necesario”.
O coordinador da Plataforma, Carlos Míguez, agarda do rexedor redondelán unha implicación maior que a obtida ata o de agora. Logo de que tanto a instancias dos afectados como dos grupos da oposición se aprobaran mocións de apoio, agora piden que o Concello de Redondela vaia “máis aló” para obter algo máis que “boas palabras”. Na moción que está previsto se aprobe mañá a corporación comprométese a dirixirse á Xunta e Goberno Central, así como o Banco de España e FROB, para esixir destes organismos unha solución xeral e íntegra de todos os casos de preferentes e subordinadas, sexa mediante resolución, orde ou outro recurso xurídico. Míguez manifesta tamén o descontento das asociacións de afectados co sistema de arbitraxe “porque non é claro” e as demandas estanse a resolver sen atender a criterios específicos dun xeito aleatorio ou “por amiguismo”. Por outra banda preparan unha gran mobilización na que agardan que estean presentes os alcaldes e concelleiros dos municipios da comarca. A manifestación está convocada pola coordinadora de plataformas de Galicia para o vindeiro sábado día 2 de febreiro en Santiago, con saída ás 11,30 dende a alameda e ata a residencia do presidente da Xunta.