Javier Bas porase á cabeza dos alcaldes da provincia para tentar buscar unha solución aos afectados por preferentes e subordinadas. Onte comprometeuse coa plataforma de Redondela a facer as xestións para viaxar a Madrid con outros alcaldes da bisbarra e reunirse co presidente do goberno e o ministro de Economía. Os afectados entenden que agora que Novagalicia Banco está nacionalizado deber ser o goberno central o que lles dea unha solución.
O rexedor asumiu este compromiso a petición dos afectados da plataforma tras o pleno extraordinario convocado para expresar o apoio e a solidariedade de toda corporación a este colectivo de aforradores que reclaman a devolución dos seus aforros. Na moción presentada polo colectivo a corporación redondelá comprométese a dirixirse á Xunta e Goberno, así como o Banco de España e FROB, para esixir destes organismos unha solución xeral e íntegra de todos os casos de preferentes e subordinadas, sexa mediante resolución, orde ou outro recurso xurídico. Por outra banda, os afectados preparan unha gran mobilización na que agardan que estean presentes os alcaldes e concelleiros dos municipios da comarca. A manifestación está convocada pola coordinadora de plataformas de Galicia para o vindeiro sábado día 2 de febreiro en Santiago. Todas as persoas que estean interesadas en participar poderán viaxar nos autobuses que están contratados para esta data e que terán saída ás 11,30 desde a Alameda de Redondela e que levará aos manifestantes até a residencia do presidente da Xunta.