O pleno aprobou as bases para que, de xeito anual, Redondela conmemore a vida e obra dun persoeiro que teña salientado polas súas achegas no ámbito cultural, científico, filantrópico, profesional, etc. As asociacións culturais e sociais de Redondela poderán propoñer candidaturas e logo será o pleno quen decida, aínda que o obxectivo é aprobar esa homenaxe por consenso.
O edil de Cultura, Alberto Pazos, salientou que deste xeito o goberno local quere dar continuidade a iniciativas como a do Ano de Casto Sampedro, para poñer en valor a transcendencia de persoeiros redondeláns. A iniciativa aprobouse coa abstención do BNG e o apoio do resto dos grupos. A nacionalista Cecilia Pérez Orge dixo estar de acordo coa finalidade da proposta, pero non coa forma, e advertiu que de non decidirse o nome do homenaxeado por consenso, corrían o risco de causar agravios. Desde o PSOE, que si apoiou a proposta, Luis Orge sinalou tamén que sería mellor que o persoeiro sexa elixido por unanimidade e puxo o punto humorístico á sesión lembrando unha anécdota dos anos 90. O concelleiro de Cultura insistiu en que “o espírito” é que o nome do persoeiro sexa decidido por consenso nunha comisión.