Logo do pleno histórico celebrado en Chapela e onde todos os grupos da corporación se amosaron contrarios á ampliación da AP-9, o goberno local ten intención de convocar todos os Consellos Parroquiais de forma extraordinaria para tratar este asunto en cada unha das parroquias e solicitar a todos os colectivos veciñais o seu apoio a Chapela, e para incentivar a participación de todos os redondeláns na manifestación que terá lugar o día 2 de marzo.
Segundo explica o concelleiro Miguel Álvarez é necesario ser conscientes “desde Cedeira até Cesantes” pasando por todas as parroquias que conforman o Concello de Redondela, de que esta ampliación será “un machadazo para todo Redondela”, non só para Chapela, e que é preciso mostrar “todos unidos” o rexeitamento do municipio á ampliación da autoestrada “para que nos escoite mellor en Madrid”.
Bas apela ao informe sobre Rande que veta ampliar a A-P9
O alcalde afirma que “seguirá adiante” en nome todo o Concello para tentar explicar que a ampliación da Autoestrada do Atlántico resultaría “letal” para todo o municipio. Bas manterá mañá un encontro coa plataforma de afectados pola autoestrada e en paralelo anunciou que reclamará que a Consellería de Cultura poña encima da mesa o informe arqueolóxico pagado por Audasa e esixido por Patrimonio de Galicia. No documento, os expertos indican que a construción de novos alicerces para a ponte de Rande -como prevé o proxecto- suporía a destrución dos restos históricos. Javier Bas, con todo, recoñece que non vai ser fácil conseguir paralizar un plan “que xa está en marcha”.