Fran Teixeira non se fía do rival, aínda que está na parte baixa da táboa, e lembra que na primeira volta os de Chapela “sufriron” para impoñerse en Bueu. O equipo, que logo da vitoria en Covadonga é líder do grupo, contará co apoio dos seus afeccionados, que segundo o técnico están a xogar un papel “clave”.
Logo de conseguir un triunfo por 26-31 en terras asturianas, o Solla&Cía Chapela está no máis alto da táboa, un punto por diante do Zamora, que empatou na pista do Cisne. Agora o obxectivo é manter esa primeira praza, pero non será sinxelo. Teixeira advirte que esta liga é “a máis dura dos últimos anos”, con moitos equipos moi fortes. O técnico salienta que “á marxe de dous ou tres equipos que loitan pola permanencia”, o resto teñen calidade para estar na parte alta da táboa. Por iso para o partido deste sábado co Bueu precisan estar “ao cen por cen”. O equipo contará unha vez máis co apoio da afección, que nos últimos tempos está a ser fundamental para o Solla&Cía Chapela. Teixeira recoñece que nalgúns dos partidos que xogaron fóra da casa foron os seus seguidores os que gañaron “desde a grada” animando ao equipo e dándolle forzas.