O municipio de Redondela resístese a despedir a troula do Carnaval e esta fin de semana son aínda moitas as citas festivas, tanto no centro da vila como nas diferentes parroquias. Mañá sábado Chapela celebra o Enterreo do Berete, o Centro Cultural Chan das Pipas organiza unha Festa de Entroido para todos os públicos e o de Cedeira un baile de disfraces infantil. O domingo as rúas de Redondela vibrarán co desfile de comparsas e o Centro Cultural de Vilar ofrece un festival de carnaval e maxia.
Chapela despedirá mañá sábado o Entroido co seu tradicional Enterro do Berete, no que este ano participarán unhas 20 comparsas e carrozas. Desde a organización Manuel Rodríguez salienta que unha festa que cada ano “vai a máis” e no que implica “toda a parroquia”. O desfile sairá ás 19.00 horas do Alto da Encarnación até a praia de Arealonga, onde se queimará o peixe. Ás 23.00 horas comezará un baile na Alameda de Chapela, coa Orquestra Xerusalén. Tamén o sábado haberá festa no Centro Cultural Chan das Pipas de Saxamonde, a partir das 17.30 horas. Arrancará con actividades para os máis cativos e ás 21.30 horas haberá unha cea na que os participantes levarán algo de comer e beber “para compartilo cos veciños”. A partir das 23.00 horas festa para os maiores co grupo “Os Amigos do Ritmo”. Tamén o sábado haberá Entroido no Centro Cultural de Cedeira cun baile de disfraces infantil coa animación do actor Reimúndez, a partires das 17.00 horas. Desfile de comparsas O desfile de comparsas que se suspendeu en Redondela a pasada semana polo mal tempo trasládase a este domingo, día 17. Será a partires das 18.00 horas, con saída desde o Campo da Feira para logo percorrer as rúas do centro da vila. Tamén o domingo haberá festa de Carnaval no Centro Cultural de Vilar, cun gran festival de disfraces para todos os públicos e o espectáculo Edu Magic Show, a partires das 17.00 horas.