O Multiusos redondelán inaugura esta tarde, ás 20.00 horas, unha mostra de fotografías de José Bellver conservadas no Museo de Pontevedra. A colección inclúe imaxes realizadas entre 1920 e 1950, e forma parte do programa de colaboración en materia cultural cos concellos da provincia.
José Bellver Álvarez (Ponferrada, 1896 – Pontevedra, 1968) practicou unha intensa afección pola fotografía, que compaxinou coa pintura e máis tarde co cine, dende o inicio da década dos vinte, en que foi destinado á localidade pontevedresa de Cambados para exercer de xuíz de primeira instancia. Despois de varios destinos, entre eles Caldas de Reis, Ortigueira ou Redondela, recala en Pontevedra como Maxistrado da Audiencia Provincial. Ademais de realizar fotografías de carácter costumista e familiar, na súa obra predominan os temas nos que o mar e as súas xentes son os protagonistas, prestándolle gran atención ao tratamento da luz e conseguindo crear unha atmosfera na que destacan os contraluces. Foi colaborador habitual de revistas gráficas, como Sonata Gallega, Industrias Pesqueras ou Vida Gallega, e realizou numerosas exposicións, tanto en Vigo como en Pontevedra. En 1946, xunto con outros fotógrafos afeccionados, creou a Agrupación Fotográfica Gallega na que desempeñará o cargo de presidente. A exposición pode visitarse no Multiusos da Xunqueira ata o 31 de marzo, en horario de luns a venres, de 08:00 a 14:00 e de 16:00 a 22:00 horas.