AER trasladará ao pleno do vindeiro xoves unha moción na que solicitan que o Concello proceda a cobrar o Imposto de Bens Inmobles das propiedades da Igrexa que non estean exentas deste pago. Unha solicitude que chega dez meses despois de que se aprobase a elaboración dun censo para coñecer cales son os bens no noso municipio rexistrados a nome desa ou de calquera outra confesión relixiosa.
No pleno ordinario de Abril do 2012 aprobouse unha moción de EU presentada pola Agrupación de Electores sobre o IBI da Igrexa Católica na que se solicitaba a elaboración dun censo dos bens inmobles rústicos e urbanos que están censados e rexistrados a nome da igrexa Católica e doutras confesións relixiosas, así como das súas entidades e asociacións afíns en Redondela.
Despois de 10 meses, AER solicita que en base a dito censo se proceda a cobrar á Igrexa Católica o Imposto de bens Inmobles daquelas propiedades que non están recollidas nas exencións do acordo asinado en 1979 entre o Estado Español e a Santa Sé, isto é, templos e capelas destinada a culto, residencia dos párrocos ou oficinas parroquiais.
Entenden dende AER que feitas as excepcións recollidas en dito acordo, a Igrexa debería pagar o IBI polo resto das súas propiedades xa que o impago de dito imposto “a parte de ser inxusto non se axusta á lei”.