O edificio, situado nas inmediacións do peirao de Cesantes e cuxa construcción rematou meses atrás, permanece coas portas pechadas. Os nacionalistas solicitan ao alcalde Javier Bas que xestione a súa posta en marcha no prazo máis breve posible por tratarse dunha “importante demanda das familias da nosa comarca”.
O BNG ven de solicitarlle ao alcalde información sobre a posta en funcionamento do Centro de Día co gallo da visita que o pasado luns realizou ao noso concello a Conselleira de Benestar, Beatriz Mato.
Reclaman dende a formación política datos concretos sobre os prazos que manexa o goberno galego para a posta en marcha desta infraestrutura cuxas obras remataron xa hai meses, sen que podo de agora o centro teña aberto as súas portas.
Un servicio que segundo o proxecto terá capacidade para 51 usuarios, 21 en prazas de carácter residencial e 30 que serían empregadas polos usuarios do centro de día e que conta cunha importante demanda por parte das familias da comarca. Lembran tamén dende o Bloque que poñer en funcionamento o edifico “crearía postos de traballo en Redondela”, un motivo a maiores para que se axilice a súa apertura.
Finalmente a agrupación nacionalista ten previsto trasladar novamente esta cuestión ao Parlamento galego.