O local proposto polo Concello para a instalación da escola infantil atópase na planta baixa do CEIP Alexandre Bóveda pero é necesario o acordo plenario para proceder ao seu acondicionamento. A concelleira Teresa París confía en que a obra se podería rematar en seis meses o que permitiría a súa posta en marcha no curso 2014-2015. En Chapela hai 234 nenos de idades comprendidas entre os 0 e os 3 anos que poderían optar a unha das 61 prazas das que disporá esta escola infantil.
A Concelleira de Benestar Social, Teresa París, confía en que se poida chegar a un acordo plenario e resolver así o problema da ubicación da futura gardería de Chapela, que daría servicio a 61 nenos de idades comprendidas entre os 0 e 3 anos. A proposta do Concello pasa por habilitar o local que se atopa na planta baixa do Colexio Alexandre Bóveda, un lugar que ao entender da edil é o idóneo, sobre todo a curto prazo, xa que a súa reforma interior podería estar rematada en seis meses o que permitiría ofrecer as prazas no curso 2014-2015 seguindo as previsións da propia Consellería. A edil entende ademais que malia as críticas dos últimos tempos, esta opción conta tamén con moitas vantaxes, principalmente a súa céntrica ubicación no centro da parroquia e o feito de que se podería poñer a disposición do Consorcio nun tempo relativamente rápido se o comparamos coa demora que sufriría o proxecto no caso de terse que construír unhas instalacións partindo de cero. En Redondela hai 1.048 nenos de idades comprendidas entre os 0 e os 3 anos, 234 residentes en Chapela, que a día de hoxe contan só coas 90 prazas que oferta a gardería de A Marisma.