No partido de ida, en Redondela, impuxéronse ao rival cun avultado marcador (26-18), aínda que no club son conscientes de que a pelexa será máis dura no pavillón do Areal. Con todo, o técnico Diego Lorenzo confía en sacar un resultado positivo para manterse nos postos altos da táboa e participar na fase de ascenso a Primeira Nacional.
A SAR Plastic Omnium ocupa a segunda praza do grupo, a 2 puntos do Vitaldent Pontevedra. Logo dunha vitoria a domicilio no Grove diante do Rasoeiro, este sábado volven xogar fóra da casa. Enfróntanse ao Balonmán Camariñas no pavillón municipal do Areal, ás 19.00 horas. No club amósanse moi satisfeitos cos resultados do equipo, que rematou a primeira fase invicto, e agora nesta segunda fase teñen moitas opcións de participar na fase de ascenso. Están entre os grandes favoritos, aínda que lembran que teñen rivais importantes como o Pontevedra. O técnico confía en facer un bo papel e rematar na primeira ou segunda praza, que lles permita disputar a fase de ascenso. Sería “un xeito fermoso” de celebrar o 50º aniversario da SAR, que se conmemora este ano, e pensan solicitar da Federación de Balonmán que o sector para a fase de ascenso se poida disputar en Redondela. Tanto a directiva como o equipo técnico se amosan “moi satisfeitos” cos resultados desta temporada, tanto na categoría absoluta como nas categorías femininas e nas inferiores. Destacan ademais que o conseguiron sendo fieis á súa política de facer un conxunto “con xente da casa” e presumen de contar cunha “excelente canteira”.