A deputada Olaia Fernández Davila lembra que o BNG presentou unha serie de alegacións para mellorar o proxecto que o Ministerio de Fomento non tivo en conta. Denuncia que a ampliación non resolve o problema dos desprazamentos, ao tempo que terá “un impacto severo” sobre o núcleo de poboación de Chapela e “agravará a situación de colapso” nas saídas en dirección Vigo.
A portavoz do BNG no Congreso rexistrou unha iniciativa parlamentar na Cámara na que pregunta ao Ministerio se considera xustificada a ampliación da Ponte de Rande dada “a limitada eficacia” que vai ter no problema dos desprazamentos rodados entre norte e sur na franxa litoral de Pontevedra, e dados “os graves prexuízos sociais, ambientais e culturais” que provocarán estas obras. grupo nacionalista advirte ademais que a ampliación é unha solución “provisional” xa que non resolve o problema real dos desprazamentos. A deputada do BNG pon de manifesto que o Ministerio non tivo en conta as alegacións de grupos políticos e colectivos sociais e que levarán a cabo as obras “facendo ouvidos xordos ás reclamacións veciñais”. Outra das cuestións que a parlamentaria do BNG pon sobre a mesa é “o empeño” do Ministerio de prolongar a ampliación máis alá do punto quilométrico 150, xusto ao punto quilométrico 151 . Afirma que nese tramo dun quilómetro, a ampliación de carrís xerará en Chapela graves problemas de inseguridade viaria, de impacto acústico e ambiental debido a que esta infraestrutura lindará, “sen unha mínima mediana de seguridade, con edificios como un centro de saúde, un colexio e moitas vivendas”. En Redondela o rexeitamento á ampliación da AP-9 é unánime por parte dos partidos políticos, colectivos sociais e veciñais. Proba desa oposición frontal ás obras está convocada unha manifestación o próximo sábado, 9 de marzo, ás 17.00 horas. Os participantes partirán dende a Alameda de Chapela ata o Alto da Encarnación para continuar pola Avenida de Redondela ata a rotonda de entrada a autoestrada. Unha vez alí os manifestantes regresarán polo centro da parroquia cara ao Pavillón Municipal de deportes onde rematará a protesta coa lectura dun manifesto.