O mal tempo non desanimou aos veciños de Chapela a se mobilizar contra os proxectos de ampliación da autoestrada AP-9. A marcha, convocada polo pleno do concello a proposta da Asociación de Afectados foi un clamor contra unha obra que insisten vai supor “un novo estrago para os veciños e o territorio das parroquias de Chapela e Trasmañó e non solucionará os problemas de tráfico”.
“Redondela en pleno. Todos contra a ampliación da AP-9” detrás desa pancarta podíase ver aos representantes políticos de Redondela como o alcalde popular, Javier Bas, pero tamén a representantes da oposición local -PSOE; BNG e AER- así como doutras agrupacións políticas sen representación no concello (Anova, AGE, EU e PG). Todos unidos e acompañados pola Plataforma contra a ampliación da AP-9 e outros colectivos sociais e veciñais que malia a tarde chuviosa saíron a rúa para se manifestar unha vez máis contra o proxecto de Fomento. Ao redor de 2000 veciños lembraban así que o Ministerio mantén a súa intención de autorizar a ampliación da estrada porque segundo lle trasladaron ao alcalde “a obra sáelles gratis” en referencia a que o seu custe será asumido por Audasa. Sen embargo os afectados insisten en que socialmente afectará a todo os veciños das zonas por onde pasa a vía, e que economicamente ese custe terán que asumilo todos os usuarios da AP-9 xa que “a concesionaria recuperará o investimento da ampliación con subas nas peaxes.
Os manifestantes centraron as súas críticas basicamente en dúas persoas: a actual titular de Fomento, a Ministra Ana Pastor, e o seu predecesor no cargo, José Blanco.
A protesta discorreu sen incidentes, aínda que axentes da policía Local, Nacional e Garda Civil tiveron que intervir para cortar o tráfico en diferentes puntos do percorrido, dende a Alameda de chapela ata o pavillón de deportes, onde a marcha rematou dúas horas despois do Incio.