Xogos, agasallos, obradoiros e moita música nunha xornada que pretende ser un xeito divertido de que os máis pequenos se acheguen a Escola de Música de Chapela, coñezan as instalacións e se animen a practicar con algún instrumento. A dirección do centro aproveitará tamén para dar a coñecer a súa nova sede nos baixos do pavillón da parroquia lonxe de calquera polémica sobre a súa idoneidade.
A Escola de música de Chapela organiza este sábado unha xornada musical na que non faltarán os xogos, os obradoiros e os concertos. Orientada a nenos e nenas de entre 5 e doce anos de idade, as actividades arrancarán ás dez da mañá nos locais da escola, nos baixos do pavillóns de Chapela, coa celebración de xogos e obradoiros orientados a que os rapaces entren en contacto coa música dun xeito lúdico e divertido e coñezan as instalacións inauguradas recentemente. Pola tarde, as actividades continuarán ás 16:30 horas coa celebración de xogos como a cadeira musical ou o bingo musical e os membros da Banda de música amosarán a continuación os seus instrumentos aos asistentes. O broche de ouro da xornada será un concerto a cargo da Banda para celebrar o seu XVIII aniversario cun repertorio que se achegará ás músicas dos distintos países do mundo. Dende a dirección do centro aproveitan para amosar tamén os últimos retoques feitos nas instalacións consistentes acondicionar as aulas para acadar unha mellor acústica e que foron rematadas esta mesma semana.