Logo de gañar ao Mecalia Novás nun encontro épico, os de Fran Teixeira seguen vivos na pelexa pola liga. Son segundos, a dous puntos do Zamora, unha posición que lles permitiría xogar a fase de ascenso. Este sábado xogarán co Lalín, equipo que está situado na parte baixa da táboa, pero que hai unhas semanas eliminou ó Solla na Copa Deputación.
O obxectivo do equipo redondelán segue a ser o mesmo que no arranque da temporada: acadar unha das dúas primeiras prazas da liga, que dan o pase para disputar a fase de ascenso. Polo de agora ese obxectivo está a cumprirse. Logo dunha apertada vitoria sobre o Novás, con remontada heroica incluída, os de Fran Teixeira ocupan a segunda praza da Primeira Nacional, a dous puntos do líder, que é o Zamora, e cunha vantaxe de tres puntos sobre o terceiro, que é o Mecalia Novás, aínda que o perseguidor ten pendente aínda disputar un encontro aprazado co Bueu. Para manterse nesa posición o Solla&Cía depende de si mesmo, e ten por diante cinco xornadas que Teixeira cualifica como “cinco finais”. A máis inmediata é este sábado no Lalín Arena. Os lalinenses están na parte baixa da táboa, pero en Chapela non se fían, xa que o rival desta xornada eliminounos da Copa Deputación o pasado mes de xaneiro, polo que o respecto é “total”. Teixeira afirma que a situación do rival na táboa “no é a que lle corresponde” e entende que o Lalín quererá “amarrar” os puntos da casa para evitar o descenso. Para o adestrador a única posibilidade de sacar un resultado positivo no encontro que van disputar o sábado ás 18.30 horas é traballar día a día nos adestramentos facer un xogo “moi serio” no Lalín Arena.