Os cursos de lingua galega CELGA 2 e CELGA 4, solicitados polo Servizo de Normalización quedaron sen adxudicación, segundo a resolución publicada pola xefatura territorial na que se especificaba que non foran outorgados por “falta de dotación presupostaria”. Unha decisión que a organización nacionalista califica de “agresión lingüística” por parte da Xunta para co noso concello.
Ante esta situación o grupo municipal do BNG solicita ao concello que asuma a organización dos cursos preparatorios de galego para evitar que os interesados, medio cento de persoas que estaban inscritas nos cursos, perdan a posibilidade de recibir esta formación. Na resolución publicada pola Secretaría Xeral de Política Lingüística recollíanse as axudas a diversos concellos para a realización dos cursos preparatorios para obter os CELGA, quedando Redondela fora desas subvencións Dende o BNG denuncian “a alarmante perda de apoios por parte do PP no uso e fomento do galego”. Engaden que Redondela, “un dos concellos que sempre enarborou a bandeira da dinamización e normalización lingüística, atópase neste eido, nunha situación de parálise dende o goberno municipal”.