O local social O Recuncho acolle nesta Semana Santa a proxección das películas “Labirinto” e ¨”Agora”. Unha actividade que se completará coa charla “o papel da muller na relixión” a cargo do historiador David Faro. Xa na vindeira semana, do 2 ao 5 de abril celebrarán un mercadiño en horario de 17:00 a 21:00 horas.
A proposta cinematográfica do xoves día 28 está orientada a un público infantil coa proxección do título Dentro do labirinto ás 18:00 horas. Unha película do ano 1986 dirixida por Jim Henson e con Jennifer Connelly e David Bowie como actores principais. A cinta narra a historia de Sarah que debe recorrer un labirinto para rescatar ao seu irmán pequeno que ten sido secuestrado por uns trasnos e que está en máns do poderoso rei Jareth. O venres a sesión está orientada ao público adulto coa proxección ás 19:30 horas da galardoada “Agora”, película de Alejandro Amenabar na que conta a historia de Hypatia, filósofa e atea que viviu na Alejandría do século IV e que loita por salvar a sabiduría do mundo antigo. A continuación comezará unha charla coloquio baixo o título “O papel da muller na relixión” dirixida polo historiador David Faro. Unhas actividades que se desenvolverán no local social O Recuncho, na rúa Reveriano Soutullo nº 10, un local que acollerá do 2 ao 5 de abril un mercadiño en horario de tarde, de 17:00 a 21:00 horas ao que se poden achegar todos os que o desexen, tamén colaborar cedendo obxectos, roupa, xoias, xoguetes, libros ou calquera outra cousa que estea en bo estado e que poida ser útil para outra xente.