Yessi e Alex son os protagonistas da gala benéfica que se desenvolverá este domingo día 31 no Multiusos da Xunqueira. Unha actividade organizada polo mago Rodri Vegas e que busca recadar fondos para custear os tratamentos médicos que necesitan estes dous rapaces. O prezo da entrada é de tres euros. As funcións serán ás 17:00 e ás 19:00 horas.
Esta é a segunda edición dunha gala que o ano pasado recadou fondos para Alex, un neno vigués que padece parálise cerebral e que necesita someterse a custosos tratamentos para mellorar a súa calidade de vida. Nesta segunda edición, os cartos obtidos coa venda das entradas repartiranse tamén coa familia de Yessi, unha moza de 17 anos e veciña de Redondela, para lles axudar a conseguir un diagnóstico e un tratamento para a enfermidade neurodexenerativa que mantén a esta moza nunha cadeira de rodas. O mago Rodri Vegas, coordinador da actividade xunto coa Asociación Redexove do Concello, fai un chamamento aos veciños a se achegar á gala do domingo para “encher o Multiusos de espectadores e de ilusión” nunha cita máxica que contará coa presenza dun nutrido grupo de magos, como o redondelán Eloi Crespo, Oscar Martínez, o Mago Noel, Mago Eloi, o portuguéz Mago Xulio e o coruñés Kiko Pastúr, un dos mellores magos de España tal e como o acreditan os numerosos premios e recoñecemento que ten recibido. Haberá tamén moitas risas coa maxia cómica do Paiaso Popín. Dende o Concello, a edil responsable de Servizos Sociais, Tersa París, facía un chamamento aos veciños para participar deste día solidario. O pai de Yessi agradecía a implicación tanto do Concello como a nivel persoal de Rodri Vegas e lembraba a difícil situación pola que está a pasar a súa familia que se enfrontan á falta dun diagnóstico para a enfermidade da súa filla, unha nena completamente normal ata os sete anos de idade e que a partir dese momento comeza a sufrir un paulatino deterioro nas súas capacidades corporais. Malia as reiteradas probas médicas ás que se ten sometido, Yessi continúa sen ter un diagnóstico concreto que permita atacas a súa enfermidade, unha doenza das consideras raras, xa que ela podería ser a única no mundo en padecela. Unha peregrinaxe por diferentes hospitais e especialistas que aínda non ten dado resultado. Agora o obxectivo é trasladarse a un hospital norteamericano especializado no diagnóstico das enfermidade. Recollida de tapóns Ademais de actividades concretas como a deste domingo no Multiusos, a familia de Yessi ten en marcha tamén unha campaña de recollida de tapóns que os levará a poñer colectores en supermercados, autobuses e outras tendas como Decatlon ou El Corte inglés.