Moita participación e masiva presenza de público nunha proba desenvolvida no peirao do Grove, onde os organizadores, Mecos, foron segundos. A maior puntuación de Chapela nas sete categorías disputadas na proba levou ó equipo redondelán a facerse co título. Robaleira completou o podio coa terceira posición.
Todos os clubs da provincia estiveron representados na regata disputada na mañá de onte no porto grovense, o que contribuíu a que fora moito o público que presenciou a proba. Esta circunstancia, sumado á presenza de turistas na vila meca por mor da celebración da Semana Santa, fixo posible o bo ambiente vivido na xornada de remo. A Bandeira Lavanova tivo así o seu día de gloria logo de ter que ser suspendida o pasado 16 de marzo por mor do mal tempo. O gañador ditaminouse en base ás clasificacións obtidas nas sete categorías disputadas. O Club de Remo Chapela fíxose coa bandeira cun total de 19 puntos. Mecos foi segundo con 16 puntos e Robaleira completou o podio con 12 puntos.
Resultados: Promesa: 1º Náutico de Vigo (4.28.38), 2º Chapela (4.34.39), 3º Vilaxoán (4.35.79). Xuvenil Feminina: 1º Amegrove (9.20.07), 2º Robaleira (9.22.42), 3º Chapela (9.29.76). Absoluta Feminina: 1º Samertolameu (8.46.57), 2º Chapela (8.49.17) e 3º Tirán (9.07.96). Infantil Masculina: 1º Mecos (4.24.93), 2º Robaleira (4.25.20) e 3º Bueu (4.28.68). Cadete Masculina: 1º Mecos (6.08.02), 2º Robaleira (6.12.83) e 3º Náutico de Vigo (6.14.99). Xuvenil Masculina: 1º Chapela (8.10.54), 2º Amegrove (8.16.26) e 3º Tirán (8.39.96). Absoluta Masculina: 1º Vilaxoán (7.53.76), 2º Samertolameu (7.54.04) e 3º Chapela (7.56.06).
Suspendida a Bandeira da Guarda
O mal tempo obrigou tamén a suspender esta pasada fin de semana a XV Bandeira Concello da Guarda-Memorial Antonino Torrón de bateis, que estaba programada para o sábado pola tarde e organizada polo Club Remo Robaleira da vila. Este ano as condicións de mal estado da mar e meteoroloxía adversa están a castigar de forma persistente a celebración das regatas de bateis programadas no calendario provincial oficial.