Logo de facerse coa Bandeira Lavanova e a Bandeira do Porvir, o C.R. Chapela sitúase como unha das claras favoritas para ocupar praza no Campionato Galego de Bateis, cando menos na maioría das categorías que se disputan. Arranca un mes de abril especial para o club coa Bandeira Concello de Cangas o próximo día 6 e que rematará o 28 de abril co Campionato de España en Cantabria.
Para Julio Prado, vicepresidente do club, está a ser unha temporada de bateis “moi especial” na que os bos resultados están a acompañar ao C.R. Chapela. Prado atribúe este mérito o bo traballo feito coa canteira nos últimos anos e ó esforzo tanto dos remeiros como do “gran equipo técnico” co que contan. Na regata disputada o pasado domingo no Grove fixéronse coa Bandeira Lavanova e subiron ao podio en cinco das sete categorías disputadas. A próxima regata será o vindeiro sábado día 6 de abril coa Bandeira Concello de Cangas, unha proba moi importante na que se obtén a clasificación para o Campionato Territorial de Bateis que se disputa os días 13 e 14 de abril en Meira (Moaña). O Campionato Galego será unha semana máis tarde en Vilaxoán (Vilagarcía), e os de Chapela agardan estar entre os mellores na maioría das categorías, xa que coa excepción dos cadetes, o club redondelán está a obter bos resultados tanto nas embarcacións femininas como nas masculinas. Despois da proa autonómica dispútase o Campionato de España, que se celebra os días 27 e 28 de abril en Cantabria, onde o Club de Remo Chapela agarda contar con representación en algunha das categorías.