A multinacional comunicoullo á Comisión Nacional do Mercado de Valores tras unha xuntanza de máis de trece horas celebrada en Chapela. Pescanova solicita voluntariamente o concurso de acredores porque “non parece posible” acadar a curto prazo un acordo cos acredores da sociedade e porque a súa situación financeira “presenta risco de deterioración”.
Así o explica a multinacional redondelá nunha comunicación enviada á Comisión Nacional do Mercado de Valores, tras rematar o consello extraordinario de administración celebrado onte xoves, unha reunión que se prolongou máis de trece horas, desde as 10.30 da mañá ata case a media noite. A compañía explica que o consello tomou a decisión para “preservar a súa continuidade empresarial” e para “protexer os intereses dos afectados”. Asegura que ten a vontade de presentar unha proposta de convenio “que garanta a salvagarda dos dereitos e intereses de traballadores, acredores e accionistas” e que garanta tamén “a xestión continuada de Pescanova”. A multinacional tamén informa de que o consello de administración acordou pedirlle ao xulgado mercantil competente a revogación do nomeamento de BDO como auditores para verificar as súas contas do ano pasado. Pide tamén que se nomeen outros e anuncia que acordou contratar un auditor xudicial “de inmediato” para revisar os estados financeiros de 2012. A débeda de Pescanova, segundo algunhas fontes, podería superar os 2.500 millóns de euros.