O novo concelleiro de Cultura, que asumiu o cargo o pasado 4 de abril en substitución de Alberto Pazos, afirma que a súa chegada ao Concello foi toda unha sorpresa “logo de dous anos dende as eleccións e cando xa tiña desbotado entrar na corporación” pero malia a todo ten claro cales van ser as súas prioridades de cara ao que resta de mandato: por unha banda poñer a andar e consolidar o Museo Meirande así como sentar as bases dunha programación cultural estable, que integre as actividades que se organizan dende as diferentes asociacións e colectivos de todo o concello.
A apertura da Aula de Interpretación de Rande “Meirande” está prevista para o vindeiro mes de maio, unha vez se pechen diferentes cuestións burocráticas e se acaden acordos coas diferentes institucións implicadas para poder consolidar o seu futuro. Ese é un dos obxectivos que se marca o recén nomeado concelleiro de cultura, Julio Alonso, para o que resta de mandato. O edil salienta tamén a necesidade de coordinar todas as actividades organizadas dende as diferentes concellerías pero tamén dende outros ámbitos, xa que ao seu entender as veces estas actividades non contan co apoio do público porque non se lles da suficiente difusión, motivo polo que a partir de agora se editará trimestralmente un díptico con toda a programación cultural do municipio. Dende o seu departamento estase a traballar ademais na contratación dun técnico de cultura que se encargaría de mediar entre as asociacións e o concello, dando fluidez e eficacia a esta comunicación, e que se encargará tamén de cuestións prácticas, asistindo a “pe de rúa” a todos os actos que organice a Concellería e que precisen de supervisión.