A Comunidade de montes de San Vicente de Trasmañó traballa nun proxecto para a recuperación no monte da gandería tradicional con explotación de especies autóctonas como o porco celta ou a cabra. O obxectivo sería dobre xa que estas explotacións permitirían dar traballo a comuneiros que se atopan actualmente desempregados e a existencia destes animais garantiría a limpeza do terreo e a prevención dos incendios forestais.
A explotación gandeira é un proxecto a medio prazo xa que, segundo explicou o presidente da Comunidade de montes, Fernando Magdalena, “é unha proposta a dous ou tres anos vista”. Con todo, os comuneiros teñen en marcha outras iniciativas orientadas a por en valor o monte da parroquia e en breve teñen previsto realizar rutas arqueolóxicas para visitas os xacementos máis importantes da zona onde se concentran importantes petroglifos e outras construccións prehistóricas. De feito, traballan xa co arqueólogo Xurxo Constenla de cara a que as visitas guiadas sexan unha realidade canto antes. Mentres os voluntarios están a desenvolver diferentes accións directas para sensibilizar á cidadanía na necesidade de manter limpo o monte. Recentemente retiraban preto de 8 toneladas de lixo do monte e durante o verán traballarán conxuntamente cos efectivos da Xunta de cara a evitar os incendios forestais. Uns grupos de vixilancia que estarán en activo na tempada estival, cando o risco de lume é máis elevado e que recibirán formación en prevención e extinción de incendios. As persoas interesadas en colaborar como voluntarios poden poñerse en contacto coa Comunidade de montes no teléfono 608 885 203.