Desde hoxe e ata o vindeiro día 30 de abril celébrase a II Ruta do Pincho de Redondela, na que participan un total de 19 establecementos de hostalaría do municipio. Tostas de marisco, Carpaccio, Vol-au-vent de ovos, Fardeliños recheos ou Tesouros do mar son algunhas das delicias que se poderán degustar acompañadas dun viño ou cervexa ao módico prezo de 2,50 euros.
Os clientes poderán votar os mellores pinchos e participar no sorteo dunha fin de semana nun balneario, un lote de produtos con Denominación de Orixe e outro de viño. A Casa da Torre foi o lugar elixido para a presentación desta segunda edición por parte da Asociación de Empresarios. O presidente do colectivo, Jose Antonio Gómez, salientou a boa acollida desta segunda edición, na que se incrementou o número de establecementos participantes, ao pasar de 14 a 19. Gómez animou á hostalaría redondelá a seguir innovando en tempos de crise e a ofrecer ós seus clientes “propostas de calidade”. A Delegada de Turismo en Pontevedra, Ángeles Herrero, felicitou ós empresarios pola iniciativa, á que augurou “moito éxito”, xa que beneficia tanto a empresarios como a clientes, ofrecendo pratos “de alta cociña” a prezos “ao alcance de todos”. O alcalde, Javier Bas, lembrou a gran tradición “de tapeo” que existe en Redondela, e confiou en que esta segunda edición conte co mesmo éxito que a primeira. Para o rexedor é unha excelente oportunidade “para dar a coñecer a ampla oferta da hostaleira local”, e animou a que tanto os redondeláns como os veciños doutras localidades próximas participen. Para os propios hostaleiros é unha “excelente iniciativa” que permite “dinamizar” os seus negocios. Para os que xa participaron na primeira edición, como a Tapería A Cova, Cafetería Aifos ou o Restaurante Lemos, o balance foi “moi positivo”, e salientan que nesta edición a “calidade e variedade” dos pinchos é aínda superior. Outros que participan por primeira vez como o Restaurante Casa Mucha ou o Café da Vila son optimistas, e agardan que esta II Ruta dos Pinchos anime a xente doutras localidades a achegarse á vila. Ademais os clientes poden gañar interesantes premios que sortea a Asociación de Empresarios. Para participar tan só teñen que cubrir unha tarxeta na que puntuarán os pinchos da ruta. Para participar no sorteo terán que contar cun mínimo de oito selos dos establecementos participantes. Aplicación para tablet e smartphone Aínda que a meirande parte dos establecementos localízanse no centro urbano, para facilitar a accesibilidade e localización doutros recunchos nos que se atopa localizada a hostalaría a Asociación de Empresarios ofrece unha app única para o concello de Redondela que achega información, turística, hostaleira, comercial e de servizos. Trátase dunha aplicación de realidade aumentada dispoñible a través de “layar” e a que poden ter acceso os usuarios de smartphone ou tablet e buscando a capa chamada “REDONDELA” coa que será sinxelo localizar aos establecementos seguindo a ruta marcada.