O festival celebra dende o xoves 25 ao domingo 28 de abril a edición máis participativa, cun total de 603 traballos recibidos, dos que foron seleccionados 16 curtametraxes que se proxectarán en diferentes pases no Multiusos da Xunqueira. O programa descarta as actividades de rúa logo de non lograr un adianto económico por parte do Concello e mantén as seccións “Máis minutos” coa película Piedad e a “friki” sección alternativa na sala Disco tasca.
O festival arranca este xoves ás 21:00 horas coa proxección do primeiro bloque entre os que se atopa a curta “Aquel no era yo” de Esteban Crespo, traballo que recibiu este ano o Goya na categoría de mellor curtametraxe de ficción. A esta película seguiranlle os títulos Anacos de Xacio Baño, Loco con ballesta de Kepa Sojo e Quiero de Bernat Gual, e así ata 16 curtametraxes que optan este ano ao premio do xurado dotado con mil euros e ao premio do público de 500 euros. A intención do director do certame Fernando Carreira “Cuchi” era ampliar este ano as actividades á rúa con actuacións que animaran o exterior do Multiusos nos días do festival e serviran tamén para atraer a un número maior de espectadores. Un proxecto que quedou ao final sen se concretar debido a problemas económicos, ao non chegarse a un acordo que permitise á organización contar por adiantado con parte dos cartos que vai achegar o Concello. Si se manteñen seccións xa habituais como o espazo Máis Minutos, que proxectará a película “Piedad” de Otto Roca, unha “cinta dura” onde se abordan temas como o alzheimer e o desarraigo. Haberá tamén sección golfa coa proxección fora de concurso e na sala Discotasca de varias das curtas recibidas que teñen unha característica común: a temática zombi. Entrada solidariaMantense o prezo de edición anteriores, con 3 euros por sesión unha parte dos cales serán doados ao Racing Club de Chapela, o club de discapacitados intelectuais que está a reunir cartos para que dous dos seus membros poidan competir nos campionatos de Europa. Tamén este ano contan coa colaboración no Festival da Asociación Andaina.