O Servizo de Protección da Natureza (Seprona) da garda Civil paralizou onte en Monte Penide uns traballos de tala con maquinaria pesada que estaban a desenvolver dende a comunidade de montes de Cabeiro. A actuación, que carecía de permiso da Dirección Xeral de Patrimonio, queda suspendida á espera do informe arqueolóxico.
Axentes do Seprona paralizaron onte os traballos de tala que se estaban a desenvolver en Monte Penide polos danos que o uso de maquinaria pesada estaba a provocar nos xacementos arqueolóxicos existentes neste entorno.
Os túmulos que teñen sufrido desperfectos, á espera do informe definitivo do servizo arqueolóxico da Xunta, son os numerados como 23 e 32 do catálogo de patrimonio da Xunta. Os danos debéronse a que a maquinaria que se estaba a empregar nos traballos de tala, pasaron por riba dos restos funerarios segundo explicou o presidente da Comunidade de Montes de Trasmaño, Fernando Magdalena. Foron estes comuneiros os que denunciaron os traballo ao observar que se estaba a utilizar para estas labores maquinaria pesada nun área declarada Ben de Interese Cultural.
A actuación atópase nestes momentos á espera do informe que realicen os arqueólogos da Dirección Xeral de patrimonio que serán os encargados de avaliar os danos provocados e notificar, no seu caso, as sancións pertinentes.
A comunidade de montes de Trasmañó denuncia tamén que os comuneiros de Cabeiro realizan talas en terreo pertencentes a Trasmañó.